O caso é aprobar

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

maría pedreda

30 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde finais do pasado século, novas correntes pedagóxicas e, na súa aplicación, unha interminable serie de leis e de cambios na educación institucional, propiciaron unha cultura do facilismo con grande descenso do nivel formativo dos alumnos. As tendencias nacidas coa LOXSE no ensino preuniversitario e co Plan Bolonia no superior están a facer moi fácil o aprobado, a promoción e a titulación, sen que na maioría dos casos os alumnos posúan as competencias e coñecementos necesarios. O estudante vago e carente de motivación acaba sempre atopando a maneira de aprobar grazas a diversas medidas legais, pero tamén á presión da familia ou mesmo da Administración pública, por decisión do centro educativo diante da falta de acordo dos profesores ou por aburrimento; é dicir, para sacalo de diante.

É certo que os exames tradicionais eran irracionais e memorísticos, pero deles pasouse, sen puntos medios, a unha avaliación continua mal entendida, que permite en moitos casos ir aprobando a trancas e barrancas. Pódese tamén promocionar ou titular con materias pendentes en tódalas etapas educativas, mesmo para acceder á universidade, e nalgúns casos, mercé ao concepto de avaliación compensatoria, é posible obter o título superior con unha materia suspensa.

Os profesores que saben ensinar, e como consecuencia esixen esforzo e aprendizaxe, son culpados dos suspensos de alumnos que non queren estudar. Os pais, no caso dos menores, e os propios alumnos nos estudos superiores acúsanos de malos profesionais e exercen tal presión que os docentes quedan indefensos, mesmo diante da Administración, da que esperan apoio. Xa que logo, acaban por adoptar unha actitude de desgana que priva ao sistema da excelencia que tanto precisa. Ao final, para evitar problemas, báixase o nivel e logo, como isto non é suficiente, ábrese a man á hora de cualificar.

Se a esta situación sumamos a tendencia europea de reducir o abandono escolar e a repetición de curso, atopámonos cun caldo de cultivo ideal para que o estudante que non quere facer nada ascenda no sistema educativo e acabe por obter tódolos títulos, cunha formación pésima. É unha absoluta decepción ver a graduados universitarios que non só carecen da mínima preparación na súa especialidade, senón tamén da base imprescindible para calquera alumno: non teñen comprensión lectora, son incapaces de se expresar con corrección, carecen de capacidade de razoamento, non saben relacionar ou sintetizar conceptos, etcétera. Como teñen chegado aí? O caso é aprobar.